Saturday 27 de April de 2024

Xogos tradicionais, ioga, pintura e música abren o programa de conciliación Lousame Concilia Semana Santa 2024


Os 20 nenos e nenas do Lousame Concilia Semana Santa 2024, de entre 3 e 12 anos de idade, arrincaron hoxe as actividades deste programa de conciliación elaborado polo Concello de Lousame para estes días de vacacións escolares. Unha iniciativa que encheu as 20 prazas dispoñibles e que se desenvolverá nas instalacións do CPI Cernadas de Castro, en horario de 9:30 a 14:30 horas.

A concelleira de Educación e Igualdade, Silvia Agrafojo, visitou esta mañá á rapazada lousamiá “que estivo moi entretida coa programación que tiñan para esta mañá e que incluía xogos tradicionais, ioga, xogos musicais, arte e pintura…”. Para os próximos días están programadas tamén actividades como zumba, teatro, deporte, a busca do tesouro, contacontos, karaoke… e unha gran festa de fin de campamento o luns 1 de abril.

O programa Lousame Concilia está organizado pola Concellería de Igualdade de Lousame e conta coa colaboración da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade e do Programa Corresponsables do Ministerio de Igualdade.